1 | 2 | 3

Dimarts, 17 Octubre 2017 00:02

Solidariedade con Galiza polos recentes lumes

Solidariedade con Galiza polos recentes lumes Mundiario

Desde Decidim, Plataforma Pel Dret a Decidir del País Valencià, queremos amosar a nosa solidariedade co pobo galego pola situación de extrema gravidade que está a vivir estes días cos terribles incendios que está a sufrir Galiza. Trasladamos as nosas sentidas condolencias polas persoas que perderon a vida nestas últimas horas. Tamén damos o noso apoio a aquelas persoas que perderon boa parte das súas pertenzas.

Nos lumes morreron e morrerán moitos animais salvaxes, coa destrución dos seus hábitats, e outros animais que quedaron pechados nas súas casas e nas explotacións gandeiras. Tamén manifestamos o noso apoio ás persoas e organizacións animalistas que, cos seus propios recursos, traballan polo seu rescate.

Doutra banda subliñamos a necesidade de mudar urxentemente as políticas forestais levadas a cabo polas administracións responsables. Unhas políticas adecuadas deberían ser xestionadas pensando en longo prazo e dirixirse a promover unha xestión verdadeiramente sostible dos bosques e do mundo rural. Así pódese conseguir reducir os lumes e os efectos derivados dos mesmos.

Neste sentido queremos insistir na necesidade de facer un uso sostible do territorio que priorice a natureza por enriba dos intereses mercantilistas duns poucos e polo tanto, entre outras cuestións, rematar co monocultivo do eucalipto. Porque, se os bosques son destruídos, as actividades económicas que derivan destes non van poder levarse a cabo polas persoas que durante moitas xeracións traballaron os recursos forestais e agropecuarios. Ademais cómpre lembrar  o papel crucial dos bosques no clima global pola súa implicación co ciclo da auga e a súa capacidade de almacenar carbono en cantidades elevadas. Se desaparecen grandes masas forestais, contribúese a secas máis grandes falicitando así unha maior degradación do territorio e o empeoramento cada vez máis da situación da natureza e da economía.

Emprazamos ao pobo galego ao seu empoderamento para así poder decidir as políticas medioambientais pertinentes, á vez que exixa que sexan achegadas as solucións por parte de expertos independentes que prioricen o ben común por enriba dos intereses escuros duns poucos.

València, 16/10/17

Joomla templates by a4joomla